20 ausencias galegas en Spotify

Spotify é unha empresa sueca fundada en 2006, está dispoñible en máis de 180 países e en 2023 despediu uns 200 empregados.

Reúno aquí a 20 artistas que non teñen ningún disco ou aos que lles faltan traballos destacados en Spotify. Sei que non vén a conto escribir este post a estas alturas do conto, pero tamén sei que cada un pode facer o que lle pete.

—Hai máis artistas e proxectos galegos que non están en Spotify?

Si.

—Son estes os máis relevantes entre os que non están?

Non.

—Entón, isto está só baixo o teu criterio e non lle podemos dar máis relevancia que un pequeno exabrupto de sobremesa?

En efecto.

Con respecto a cada banda, indico onde podes encontrar a súa música, recomendo unha canción que podes probar para ver se che mola o que fai e tamén algúns artistas e proxectos relacionados, xa sexa porque participan deses grupos, porque formaron parte da mesma escena ou porque comparten lacena na miña cabeza (subxectividade innecesaria).

Para pechar esta pesada introdución non solicitada, dicir que para esta publicación, ademais de tirar de memoria, resultaron moi valiosas fontes de consulta como Hip Hop en Galego, GZMúsica, La Fonoteca e canles de Youtube como as de Empuje.net, a da extinta Sala Super 8, a de kunkeiro69 ou a de indesexable. Se non as coñeces, mergúllate nelas e seguro que atopas algo que che cunde.

1. Fluzo

O futuro do pretérito feito rap. Fluzo é unha delicatessen.

As letras e voces principais do Hevi e as bases de Javi conforman unha educación emocional a medio camiño entre a carriza e o transistor.

  • Relacionados: Malandrómeda, Dúo Cobra, Fo-di & Barbaconna.
  • Onde encontrar a súa música: web.
  • Tes que escoitar: Amiga conductor.

2. Xenreira

Os músicos de Xenreira nutriron algúns dos proxectos máis interesantes das últimas décadas.

O seu disco Érguete! contou coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Banda Bassotti, Lamatumbá, Os Diplomáticos de Montealto…) e ten temazos que son himnos, pero o peche co “Mesmo berce, mesma loita” é ouro puro.

3. John Happy Driver

Se meteses dentro do motor dunha motoserra os Dead Kennedys, os Lendakaris Muertos e a obsesión pola figura do condutor de autobús máis divertido da costa (Juan, condutor feliz), o resultado serían os John Happy Driver.

Foron responsables dalgúns dos concertos máis divertidos da década de 2010.

  • Relacionados: Lendakaris Muertos, Terbutalina, Kondusión Kolérika.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Putos vellos.

4. Samesugas

É un feito demostrable cientificamente que Samesugas contan coa mellor voz do rock feito en Galicia. Aínda que teñen varios discos en Spotify, non están alí xoias como o Alá vai! ou o Machine in your brain.

A nivel persoal só dicir que sempre tiven unha obsesión coa canción “Muito para ti” (basten como exemplos “Furacán”, de Terbutalina, ou “Devil’s Ride”, de Thee Blind Crows).

  • Relacionados: Fame Neghra, Dirty Barriguitas, The Homens.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Sad & Lonely.

5. Metralletas Lecheras

Nesta banda había reunido un talento creativo como en poucas ocasións se ten visto. O resultado? O verdadeiro gastropunk.

En Spotify poderás encontrar a colaboración que fixeron para o disco tributo aos Resentidos. Que tema escolleron? “Minúsvalida”. Xogo, set e partido.

  • Relacionados: Sr. Anido, Jiménez Los Santos, Los Iribarnes.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Bótalle salsa.

6. O Leo

A obra do Leo é tan ampla e diversa que merecería un post en exclusiva para el.

Aquí só reparo na súa obra en solitario, un prodixioso periplo do punk ao blues-folk, sempre co seu selo de autor tenro e montaraz.

  • Relacionados: Albert Pla, Labregos do Tempos dos Sputniks, Das Kapital.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Iso do si.

7. Wisdom

En Spotify hai 300 artistas e bandas que se chaman Wisdom e ningunha é esta banda de metal extremo de Ferrolterra.

Son responsables dalgunhas das mellores letras e dos conceptos máis ferintemente divertidos do noroeste peninsular, como “Escuadrón de Patexos” ou “Embalsamado en seme de porco”.

8. Sub Rosa

Antes do éxito de Biba Dupont, Helga e Xalo crearon este interesantísimo proxecto de electrónica.

O seu disco Vagalú é unha pequena xoia que, por certo, conta con baterías e percusión de Pulpiño Viascón.

  • Relacionados: Biba Dupont.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Dopaminaria.

9. Kastomä

Descubrinos a través do seu disco Almas da noite e flíparonme os temas e o coidado de certos arranxos, como a intro de high-class de Antonio na batera de “Pechando a noite”. De feito, creo que sobre iso foi a primeira conversa no Malas Pécoras de Compostela cando el estaba comezando con Familia Caamagno e nós estabamos buscando con Terbutalina tocar en calquera sitio, pero isto son historias de pureta que non veñen a conto.

  • Relacionados: Chícharo Psicótico, Familia Caamagno.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Pechando a noite.

10. Os Royalties

Xunto cos Samesugas, penso que son a banda que mellor adaptou ao galego a sonoridade da lingua xermánica hexemónica, aproveitando todo o xogo das agudas; mesturado cunha sonoridade que, persoalmente, me remite ao rock escandinavo de comezos de século XXI.

11. Juanito Broders

Na época na que aínda era lícito levar camisas de flores ás churrascadas, era imposible non pinchar o “Churrasco” dos Juanito Broders en canto a carne comezaba a crepitar sobre as ascuas.

Da mellor música para probar os graves do teu equipo estereofónico.

  • Relacionados: Malandrómeda, Fo-di e Barbaconna, Iron Mon.
  • Onde encontrar a súa música: Jamendo.
  • Tes que escoitar: Churrasco.

12. Camarada Nimoy

Unha das miñas bandas galegas favoritas dos últimos anos, senón a favorita. Composicións evocadoras, onde épica e lírica conviven con mestría.

Baste para corroborar a miña devoción, que as súas cancións son a banda sonora da Catapulta.

  • Relacionados: Transilvanians, Trem Fantasma, Modulador de Ondas.
  • Onde podes encontrar a música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Satélite disidente.

13. Malandrómeda

Quitando os discos que sacaron co selo Matapadre (Cada can que lamba o seu carallo e O corenta e oito nomes do inimigo), os discos e EPs de Malandrómeda non están en Spotify.

Quizais a banda máis respectada por calquera que algún día quixo escribir dúas liñas que rimasen.

  • Relacionados: Fluzo, Non Residentz, Fo-di e Barbaconna.
  • Onde podes encontrar a súa música: web.
  • Tes que escoitar: Harry O Tolo.

14. Jiménez Los Santos

Quique, Cris e Rafa Anido.

Punk, ruído e punk.

Moi punk.

Todo o punk.

O punk.

  • Relacionados: Los Iribarnes, Fabuloso Combo Espectro, Jiménez del Oso.
  • Onde encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: No me toques mi tupé.

15. Gendebeat/Xenderal

Todo o mundo sabe que Cerceda é berce de talento musical; non imos descubrilo agora. Con todo, o caso de Xenderal é especial: unha proposta diferenciada, un pericia única e mensaxe positiva ben definida.

  • Relacionados: Zënzar, Bolboreta, Machina.
  • Onde encontrar a súa música: Soundcloud.
  • Tes que escoitar: Coida deles.

16. U.F.F.

Os grupos de nicho, que afondan decididamente nunha única temática, flípanme. É o caso de U.F.F. (Un Firme Fracaso), conxunto feito por e para skaters, con temas como “Comebolsas del patín” ou “Sin eje”.

17. Bulldozers

Un bulldozer é unha máquina de gran potencia, cunha peza metálica dianteira que se abre camiño levándose a todo o que pilla por diante.

Pois iso.

  • Relacionados: Lulú y los Caníbales, Black Panda.
  • Onde podes encontrar a súa música: Bandcamp.
  • Tes que escoitar: Mala vida.

18. Razzia

Hai varios focos sen os que non podes achegarte ao punk en Galicia no século XXI.

Un deles, sen dúbida, é Esteiro, onde proxectos como Razzia, Metralla ou os mencionados John Happy Driver expresaron artisticamente o que non se sabía que había alí.

19. Leroy y los Masoquistas

Surf e bailoteo, comandados por Leiro/Leroy/Gershon, antigo compañeiro de pupitre que, ademais dun guitarrista da hostia, sempre foi das persoas máis divertidas que coñecín.

Ía contar que eu fora probar a tocar o baixo con eles cando estaban formando a banda, pero non o vou contar.

20. Fo-di e Barbaconna

Ter o considerado primeiro videoclip da historia do hip hop en galego sería suficiente para falar da relevancia de Fo-di e Barbaconna, pero a sensación de revelación cando comezas a escoitar cada un dos seus temas convérteos en imprescindibles.

  • Relacionados: Malandrómeda, Iron Mon, Fluzo.
  • Onde encontrar a súa música: Youtube.
  • Tes que escoitar: Michi Michi.

Despedida e bonus track!

Vou despedindo este artigo con esta canción do portugués Fausto. Se ben a maior parte da súa discografía está en Spotify, xusto non encontrarás o seu Madrugada dos Trapeiros que inclúe este “Uns vão bem e outros mal” que é un tesouro.

E, antes de pechar, só dúas consideracións

A primeira: non é obrigatorio estar en Spotify, ao igual que non é obrigatorio estar en ningunha plataforma. Pode semellar obvio, pero cadaquén é moi libre de manexar a súa obra como quere. Un dos motivos de escribir este artigo foi que en moitas conversas vin como outras persoas descoñecían aquilo que non estaba en Spotify ou mesmo se negaban a buscar o que non estivese na plataforma. Por favor, non sexamos preguiceiros.

A segunda: insisto en que faltan moitas e moitos artistas nesta listaxe. Busca, investiga e, sobre todo, comparte. Tes como me contactar se che apetece.

Se queres, tamén podes subscribirte á miña newsletter onde, entre outras cousas, tamén vou compartindo o que escribo no blog ou bandas e discos que vou descubrindo.

Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies