Novo boletín repleto como un bocoi dixital cheo de contingut.
6/3/2024 Ver en liña
Hai outros mundos dentro deste mundo

A lóxica imponse e, despois do primeiro boletín, chega o segundo.

Quero agradecer enormemente a acollida e as palabras que me fostes dedicando estas semanas. Mentiría se dixese que non anima a continuar.

Tamén che dou a benvida se te subscribiches nos últimos días. Lembra que podes recomendar a quen che pete que tamén se subscriba, tamén aos teus inimigos. Sobre todo, aos teus inimigos.

Calquera cousiña que queiras, non dubides en contactarme e comentarme.

Contacta

PROXECTA, QUE ALGO QUEDA · O meu novo poemario está sendo maquetado e non ha tardar en ser enviado á imprenta. Agardo que nas próximas semanas poidamos ter data de lanzamento e comezar a programar presentacións.

O que si podo agora mesmo é anunciarche o seu título: O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo. Si, ese é o título. Todo está roto.

Polo pronto, podo ir matando a ansia de ter o poemario nas mans indo o sábado 9 a Vila Nova de Cerveira (Portugal) a recitar canda Marga Tojo, na Livraría Porta XIII.

Que máis? Como che comentaba no anterior boletín, pechei o primeiro borrateur da miña primeira colección de relatos. Xa repartín uns exemplares entre as persoas escollidas para que lle dean unha primeira lectura. Non podes imaxinar o que me está custando non apurar a esas persoas para que me conten que lles parece. Ben, igual si que podes imaxinalo, claro.

O título de preprodución que estou empregando é Pifostio. Aí podes ver os exemplares que repartín cando chegaron, fresquiños, recendendo a fotocopiadora.

Por certo, non estou moi seguro de andar retransmitindo un proceso como este que, seguramente, remate en nada, en fracaso ou descarrilando. Non adoito comunicar nada ata que está en firme. Desta vez xa ves que o estou probando a facer a través destes boletíns, polo menos ata que a inseguridade se impoña á inconsciencia. Sexa amable se ao final isto non vai a ningures.

LER LECTURAS · Hoxe vouche recomendar un libro que é unha auténtica beleza: Los bloques naranjas (Caballo de Troya, 2023). Trátase dun conxunto de prosas poéticas de Luis Díaz que teñen como tema a amizade entre uns rapaces de barrio a comezos dos 2000. Ademais de por como está escrito, o que está presente e por debaixo dos textos é unha delicia.

A CATAPULTA · Xa podes ver e escoitar o décimo programa da Catapulta, o programa sobre poesía e pola poesía que armo canda a xente do Salto Galiza e El Salto. Nel recibín a visita de Helena Salgueiro, poeta, dramaturga, performer, directora escénica e investigadora e puidemos falar sobre o seu circuíto, os seus procesos creativos e formativos.

A próxima cita? Co poeta Samuel Merino (Pompa&Boato) o luns 11 de marzo ás 19.30h nas canles de Twitch e Youtube do Salto.

O MOVEMENTO · Se no anterior boletín recomendaba unha peza do coreógrafo Sidi Lardi Cherkaoui, desta volta propóñoche un vídeo de lento movemento co que me atopei hai unhas semanas e que, estou seguro, che vai cundir ver.

Trátase do rexistro dunha cámara de trampeo durante 1 ano e 4 meses que che permite ver diferentes especies animais no seu hábitat natural dun xeito tranquilo e, todo sexa dito, espectacular. A narración é o suficientemente informativa e pausada para que o visionado dos 13 minutos do vídeo resulte moi agradable. Xa me dirás que che parece.

MÚSICA MUSICAL · Quería recomendarche un EP de Favourite People (grandioso nome para unha banda) que contén dous temazos instrumentais que resultan fascinantes. Xúroche que quería recomendarche ese EP e por iso puxen a capa do EP ao comezo deste bloque, pero, entre ti mais eu, o certo é que, desde que unha narcolancha pasou por riba duns garda civís, non son quen de quitarme da cabeza a canción "Señores de la ría" do EP Química Oscura de Régimen Secreto.

Régimen Secreto é un proxecto de Santi Paredes, deseñador en Culebra Studio e tamén músico en Pladür (tamén foi quen me substituíu no baixo en Thee Blind Crows), que el mesmo me presentou nun festi como "narcometal". A proposta da banda é mesturar as historias, anécdotas e imaxinario do narcotráfico nas Rías Baixas con trash-metal. O resultado é unha brutalidade.

"Mereció la pena ya sólo por meter la palabra Cerdedo en una canción de trash-metal", comentoume o propio Santi. E é verdade.

TESTEMUÑOS TESTEMUÑAIS · Engadín á sección Obra da web unha ligazón a un apartado de testemuños. As verdades deben ser ditas ao pobo.

APUNTAMENTOS RAROS NO MÓBIL · Esta nota tomeina hai anos empregando o recoñecemento de voz do teléfono que, ao non recoñecer nin o galego nin a un cachalote muradán que non sabe vocalizar, tivo un resultado curioso: "Julián Buenas" en lugar de "William Wallace". Non sei a ti nin a Mel Gibson, pero a min váleme.

A idea parte de que se fala moito de que agora os guións dos filmes están pensados considerando que a xente está a outras cousas, que está mirando o móbil mentres ve unha peli. De aí que, cada vez máis, caian en continuas reiteracións e expliciten as tramas e intencións dos personaxes de forma basta. Pensei en se, nesta desatención xeral, haberá alguén (seguro que si) que se puxo "Braveheart" sen prestarlle moita atención e, ao ver a ambientación medieval, chegou a pensar que realmente era de xénero fantástico, rollo "O señor dos aneis". Non? Non creo; hai que andar moi despistado. Pero, ollo, que alguén chegue a pensar que si e que, por exemplo, os ingleses eran elfos! Tremendo cacafuti narrativo aí, eh? Igual a peli gaña vista así.

Non demos nada por sentado.

RECITA RECITANDO · Subín un vídeo dun fragmento dun recital no que participei en 2022, no Centro Astronómico de Trevinca, interpretando o poema "Montelouro" con acompañamento (isto non o viches vir) de violín e piano.

Nos vindeiros boletíns comentarei algunha cousiña máis sobre ese recital, porque foi clave para chegar ao poemario que publicarei esta primavera.

ISTO ESCOITEINO · Dúas señoras de palique nunha terraza da Praza de Azcárraga da Coruña:

—¿Es que no se puede decir lo que se piensa?

—Pues claro, mujer.

—Pues pienso que tu gato es feo.

—…

—Aunque me gusta acariciarlo.

Samuel L. París

Visita a web | Contacto | Privacidade