O contido que non necesitabas no formato que non desexabas.
11/4/2024 Ver en liña
A boa vista non basta

Nestes boletíns non escapo á lóxica: logo do primeiro boletín e o segundo, chega o terceiro.

Agradecido pola acollida e, se te subscribiches hai pouco, agardo que sexa do teu agrado. Non te cortes en recomendar a outras persoas que se subscriban. E, se o precisas, lembra que podes contactarme para (case) o que sexa.

Contacta

PROXECTA, QUE ALGO QUEDA · O meu novo poemario sae hoxe mesmo da imprenta. Nos vindeiros días confirmaremos cando estará dispoñible e tamén as primeiras datas e lugares das presentacións. Así que é probable que haxa algún boletín extra moi pronto.

Como non me chegarán exemplares á casa ata dentro duns días, non che podo amosar imaxes reais deles aínda; pero, xa que te subscribiches a este boletín, creo que ben podo ter o detalle de amosarche a capa, non?

—Samu, e o da colección de relatos como vai?

Nestas semanas fun recibindo os comentarios das persoas que leron o primeiro borrador. E, aínda que faltan un par de persoas por darme a súa retroalimentación, xa me aclarei con respecto algunhas das dúbidas que tiña cando os ofrecín a ler. Así que, si, agora mesmo existe na miña computadora un documento que se chama 2º borrador e no que estou a realizar cambios, introducir novos textos, retirando outros... O que resulte nesta nova versión parecerase máis ao que tiña en mente.

Se hai novidades con respecto a isto, ireicho contando (se me peta, claro).

Walicho

LER LECTURAS · Recoméndoche a banda deseñada Walicho da arxentina Sole Otero. Unha preciosidade formal e narrativamente; cun ton escuro marabilloso. Se o encontras nalgunha libraría ou biblioteca, bótalle un ollo porque non che vai defraudar.

A CATAPULTA · O úndecimo programa da Catapulta, o programa sobre a poesía e pola poesía que fago para a xente de El Salto e O Salto Galiza, quedou subido para que poidas volver velo ou escoitalo. Nel conversei co poeta Samuel Merino sobre a súa traxectoria e diferentes aspectos do oficio.

O luns 15 contarei coa visita do poeta e presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega Cesáreo Sánchez. Como sempre, poderás seguilo en directo a partir das 19.30h nas canles de Twitch e Youtube do Salto.

LUSO LUSITANO · O 9 de marzo estiven na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira (Portugal) da man de Edición Positivas e canda Marga Tojo. Estivemos recitando o recitable e quero facer tres apuntamentos rápidos: o primeiro, que Marga está recitando a un nivel moi alto; o segundo, que a Porta XIII é un oasis de literatura e un magnífico espazo para recitar; e o terceiro, que en Positivas cóidante (e aliméntante) mellor do que mereces.

A imaxe que puxen arriba é unha captura dun pequeno vídeo do recital, por iso se ve como o cu dun babuíno, pero era dos poucos documentos salvables do meu paso por alí.

Despois do recital, tiramos cara a Viana do Castelo porque Positivas (é dicir, Paco Macías) nos convidou a ver a obra Manuela Rey is in da house (que che recomendo ver se tes ocasión de que che colla preto algunha das súas representacións).

Como había moito mar, collemos a estrada da costa e baixamos velo, aproximadamente á altura de Vila Praia de Âncora. Alguén pensou que era bo momento para tirarnos unha foto ao Paco (é dicir, Positivas) e a min, e esa é a imaxe que tes arriba. Non se aprecia o mar que había, pero si o contentos que andabamos.

Bairro da Ponte

MÚSICA MUSICAL · Como iniciamos o mes de abril, quería agasallarche con esta homenaxe ao 25 de abril por parte do artista portugués Stereossauro, que merece ser escoitada a bastante volume (e que se pode descargar de balde).

E, coa mesma, lembrei como me molara no seu momento o seu disco Bairro da Ponte, repleto de colaboracións excelentes. Se queres catalo, proba antes de nada esta canción: "Nunca Pares".

DOCUMENTO DOCUMENTAL · Ikea, el señor de los bosques é un documental que amosa diferentes prácticas da multinacional que están deteriorando gravemente a biodiversidade no mundo. Está dispoñible na web de RTVE ata o 1 de maio e paga a pena.

APUNTAMENTOS RAROS NO MÓBIL · Se pensas na imaxe tradicional do que se coñece como "dirty talking" (isto é, soltar obscenidades nun contexto sexual), as intervencións parecen estar moi acotadas ao terreo da xeralidade, da inmediatez e do clixé.

Pero, e se lle aplicamos precisión científica á linguaxe libidinosa? E se dotamos o verbo do fornicio dunha medición estrita? Non máis "faime isto" ou "faime aquilo", se non "de cero a dez, canto desexas facerme isto?". Baremar a lubricidade, calibrar a magnitude da caricia na cacha, coñecer a dimensión exacta do corpo-contra-corpo.

—Levaba tempo querendo estar contigo así.

—Pero canto tempo? Aproxímao ata as décimas de segundo.

Ciencia innecesaria.

CONFERENCIA CONFERENCIANTE · O 12 de abril estarei na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña para falar do podcast como recurso educativo, dentro das "Xornadas Novos Formatos para a Oralidade na Aula".

ISTO ESCOITEINO · Hai cousa dunha semana, escoiteille isto a unha rapaza que estaba dando voces polo teléfono na Praza de Pontevedra da Coruña:

—¡El suelo pélvico lo debe tener en el suelo!

Xaque mate.

Samuel L. París

Visita a web | Contacto | Privacidade