ISTO ESCOITEINO · Un tipo estaba dicíndolle isto a outro fulano na terraza da cafetería San Agustín, como tratando de explicar algo que fixera un terceiro:
—Foi pedir bogavante a Valladolid.
Non sei se a expresión comunica a literalidade de que alguén solicitou ese marisco nesa cidade ou era, e isto é o que quero pensar, que ese suxeito cometeu algún equívoco buscando algo onde non debía ou albergaba unha falsa expectativa.
Sexa como sexa, a expresión "foi pedir bogavante a Valladolid" ten trazas de frase feita que podería ser empregada en moitos contextos. Aí cha deixo! Túa é; miña non.
|