Internet tamén era isto.
11/5/2024 Ver en liña
O óso e a espiña

Ao primeiro, segundo, terceiro e cuarto, sucédeos este accidentado quinto boletín. A lóxica manda.

De novo, graciñas pola táa subscrición e tamén polas palabras que me ides facendo chegar sobre estes correos. Remember que podes recomendar a outras persoas que se subscriban e que podes contactarme cando che praza.

Contacta

A VONTADE DE DEUS · Ía presentarche unha crónica dos meus últimos recitais e presentacións do novo libro, pero pareceume tan aburrido que nin quixen pensar no molesta que che ía resultar esa dixestión. Así que optei por compartir contigo as fotos do meu teléfono que, desde que deixei as redes, son escasísimas e non permiten facerse unha idea de absolutamente nada.

Por exemplo, esta de aquí abaixo saqueina durante a segunda noite do Festival da Poesía Salvaxe de Ferrol, nun bar de heavies ao que fomos os poetas en tromba porque "se podía fumar dentro". Estes inesperados versos sumaron máis poesía á poesía, nunha xornadas máxicas grazas á organización, á compañía de poetas e da xente que asistiu a todo recital canto houbo.

A seguinte fotografía (denominada pola propia autora desta, Estíbaliz Espinosa, como unha "foto moi mala do feliz acontecemento") foi tomada durante o recital na Revolteira (A Coruña), onde teñen un proxecto precioso e me trataron como non merezo.

A anterior púxena porque, se te fixas na parte esquerda, podes ver unha persoa debuxando nun caderno durante o recital. Houbo quen me comentou ao rematar o recital que había unha rapaza que debía estar tan fóra do asunto lírico que ata se puxo a garabatear.

Pois non! Ao saír da Revolteira recibín a imaxe do que estaba a debuxar Diana Pastoriza, quen é a autora desta fermoso apuntamento visual do que estaba a recitar. Quedei sen palabras!

A seguinte tireina no Porco (Vigo), unha tasca do Casco Vello á que fun comer por recomendación de Berto Álvarez.

Había cousa duns cinco anos que non tomaba unha foto da comida que tiña diante como un puto cretino, pero escúsome en que era para enviar unha testemuña ao bo de Berto e que comprobase que seguín como un guiadiño alimenticio as súas indicacións.

Resultado? Delicioso bocata de xamón asado con queixo que sobrepasou con moito as miñas necesidades nutricionais para a xornada.

Esta última é no Alvia camiño da Coruña, o meu cuarto tren do sábado no que presentei o libro en Vigo e Vilagarcía. 

Tivo unha certa ironía que as miñas seis horas de transporte público para presentar unha obra na que se referencian os madrilenials e Ferrol rematasen nun tren repleto de madrilenials que ían camiño de Ferrol.

Chuta, remata y gol.

Proximamente anunciarei novas datas, incluíndo unha que, se me coñeces, sabes que me fai unha ilusión especial.

CONTENIDO

LER LECTURAS · Hai uns días lin Contenido, de Carlo Padial, unha novela que reflicte a súa experiencia no auxe e caída da start-up dixital Playground, á que denomina Zenfire na obra. 

Se fixeches vida na Internet das últimas dúas décadas ou se tiveches algunha experiencia laboral na creación de contidos, vas encontrar momentos hilarantes que che van permitir perdoarlle algúns dos pecados de forma da obra.

Por certo, ten o mellor tráiler dun libro que vin ever.

A CATAPULTA

A CATAPULTA · O 13 de maio visita A Catapulta Paco Macías, editor á fronte de Edicións Positivas. Poderase seguir a través das canles de Youtube e Twitch de El Salto

A priori, o episodio máis poético e épico do programa.

ZIGZAG

ENTREVISTAS VISTAS · Nas últimas semanas paseei o meu escaso discurso por diferentes medios, como o ZigZag da TVG, La Voz de Galicia ou El Correo Gallego.

Pist idiots

MÚSICA MUSICAL · Non sei que teñen as bandas das antípodas para atraerme tanto. Pist Idiots son unha banda de pub rock de Revesby en Australia (un sitio do tamaño de Betanzos) que descubrín a través do EP Ticker. O traballo contén sete cancións bastante variadas entre si e que recenden a cervexa, suor e alegría melancólica. Escóitase facilísimo e engancha bastante.

Por certo, ollo ao son do baixo no EP (boccato di cardinale).

O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo

CONTA CONTA CONTA · Prometín ir contando algunha das interioridades do meu último libro e penso que cómpre comezar polo título.

Máis alá do evidente xogo entre o deus e o que estea feito un cristo (nunca renuncies ao evidente), hai dúas referencias moi marcadas na magnitude textual do título: Toca o piano borracho como un instrumento de percusión até que os dedos comecen a sangrar un pouco e tamén Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados.

Ambas son dúas obras coas que hai moitos anos comecei a entender que coa palabra escrita se podían practicar outros deportes; iniciáticas e claramente referenciais para min. Por iso cando estabamos a traballar na capa indiquei á editora que non quería ningún elemento gráfico nela, en liña coa destas obras e ao contrario do que vén sendo habitual na colección Diversos da que fai parte.

Un xeito cativo de emparentar con esas dúas obras que, canda outras da mesma colección (Lois Pereiro, Lupe Gómez, Carlos Santiago...), fixeron que aquel Samuel recén cuspido do instituto comezase a estar feito un cristo.

CORRE CORRENDO · Admite que isto non o viches vir. Na canle de Youtube League of Pigs podes ver carreiras de porquiños. Si, carreiras de porquiños, en circuítos adaptados, con comentaristas, cunha realización que xa quixesen para si moitas competicións deportivas e nas que os protagonistas son os quinos participantes.

Tamén podes seguir a actualidade das competicións e dos competidores na súa web, ademais de mercarlles merchand.

O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo

CONFESA CONFESATORIO · Son o peor autor da Historia asinando ou dedicando libros. E isto non ten discusión. Será por que nunca pedín que me dedicasen nada? Será por que nunca me parei a pensar en que agarda quen solicita que lle asine un libro? Síntome fatal cada vez que mo requiren e sei que só vou estragar o libro.

Hai quen me di: "Samuel, practica na casa". Eu creo que iso dimo porque non entrevé o tremendamente psicopático que é ter a unha persoa nun cuarto pechado escribindo dedicatorias inventadas nun folio. Pénsao! 

—Samu, perdoa que che moleste, que estás facendo?

—Escribindo dedicatorias para ninguén. Muahahaha! 

Tararí.

APUNTAMENTOS RAROS NO MÓBIL · A empresa creadora de Windows deséxache unhas "felices fiestras".

Pimba!

ISTO ESCOITEINO · Dous babecos corporativos, unha tipa e un tipo, diante dun escaparate do Massimo Dutti que hai preto da Praza de Lugo. Miran uns manequíns vestidos con prendas que nun par de semanas estarán pasadas de moda. Fan acenos raros, como proxectando unha nova disposición do expositor, como se a inspiración os estivese atravesando e entrasen nun trance mercadotécnico estraño.

Cando paso á súa altura, ela ofrécelle a el a súa visión pretendidamente artística mentres mira con seriedade os manequíns movendo os brazos estirados como un rito chamánico aprendido nun webinar:

—Hay que romper los colores.

Hai que ser imbéciles.

Samuel L. París

Visita a web | Contacto | Privacidade