A tecnoloxía que trae o accidente |
| |
Chego á miña anticiclónica cita mensual cheo de puro content non solicitado. Se te subscribiches hai nada mentres comías sandía vendo o Tour, graciñas. Déixoche as ligazóns aos anteriores boletíns para que continúes perdendo o tempo: 1, 2, 3, 4, 5 e 6.
Se che gusta, lembra que podes compartilo ou recomendar a outras persoas que se subscriban. Tamén podes contactarme a calquera temperatura. |
| |
ENTREVISTAS VISTAS · Ramiro Torres pregúntame sobre a subversión da realidade, a poesía e os meus proxectos na Revista Quiasmo, a proposta/proxecto/plataforma galego-lusófona de promoción e divulgación literaria, artística e científica.
Eu fago o que podo. |
| |
MÚSICA MUSICAL · O rock escandinavo é o Eurovisión das persoas que non temos ferramentas para xestionar o abatemento emocional. Gluecifer, Backyard Babies, Turbonegro, The Hives, The Hellacopters... Se es un zoquete en termos de empatía co próximo, seguro que tiveches unha época na que lle deches duro a algunha destas bandas. Se non a tiveches, terala.
Os suecos The Chuck Norris Experiment teñen novo disco, Twenty, e recoméndoche que escoites a primeira canción e despois decidas. |
| |
RECITA RECITANDO · En agosto celébrase o Festival Saumede Ao Compaz XI. O domingo terá lugar un roteiro poético. Andarei por aí, pero non se pode dicir; así que queda entre ti mais eu. |
| |
CONTA CONTA CONTA · Seguindo coa promesa de ir contando interioridades do meu último libro, quería lembrar que a división final en trece partes chegou xusto-xusto antes da entrega da obra á editorial.
A miña idea inicial era resolver a estrutura de xeito similar a como perpetrara o Tratado de dinámica e chamanismo. Esta obra non che soará porque foi unha pedrada que me deu en 2015, cando escribín un poemario con texto inéditos completamente a man. Desa obra só existen 25 exemplares (eu non teño un, para que te fagas unha idea) e entregueinos en persoa a quen o encargara. Estivo divertido. Pois ben, naquel poemario convivían como neste diferentes poéticas e formatos (mesmo había debuxos e collages raros), distribuídos un tras outro sen orde predeterminada. E, como digo, ese caos era o que concibía a priori para este novo poemario.
Que pasou? Que segundo o ía revisando, dábame a sensación que se complicaba innecesariamente a lectura e seguimento da idea, cunha densidade gratuíta e non moi agradable.
Que fixen? Isto. |
| |
Pasei un par de días de cafés e cervexas con todos os textos ciscados polo chan e o sofá buscando fíos, orde no caos, detectando desequilibrios, retirando textos... Ata que tiven o esqueleto do que agora é a obra que podes ler, dividida en trece partes. Sobre esa forma final, e como seguín escribindo durante este tempo, aínda houbo tempo a que entrase novo material, como "engancharse na idea" (o poema do skinhead melenudo), que entrou na fase de revisión das probas de imprenta (ultimísima hora!).
Que ben se pasa cando se pasa ben. |
| |
PROXECTA, QUE ALGO QUEDA · Se estás recibindo estes boletíns from the beginning, sabes que estiven embarcado na escrita dunha colección de textos narrativos. Faleiche dos diferentes borradores, informeiche de cando llelo pasei a varias lectoras que me ofreceron a súa valiosa retroalimentación, das miñas inseguridades...
Pois ben, hai un tempo enviei o enésimo borrador a unha editorial para a súa valoración. Despois dunhas semanas aguantando a respiración, houbo novidades.
Ireivos informando.
Hehe... |
| |
DOCUMENTO DOCUMENTAL · Disfrazado de proxecto sostible, a voracidade do capital ameaza o centro do país. A xente do Salto fai unha breve reportaxe para coñecer mellor o seu nocivo impacto: Altri, a sede insostible. |
| |
PODCAST CEROCENTOS · Unha mañá, os sistemas informáticos de todos os bancos do mundo amosan que todas as contas están a cero. O caos apodérase do planeta.
Esa é a premisa do podcast "La Quiebra". Recoméndocho para este verán. |
| |
O MOVEMENTO · Este vídeo sempre me marabillou. Unha rapaza que baila habitualmente temas psytrance, shuffleando forte cunha canción dos Strokes nun cemiterio.
"Bailaré sobre tu tumba" ou, polo menos, preto dela. |
| |
APUNTAMENTOS RAROS NO MÓBIL / ISTO ESCOITEINO · Neste boletín combino as seccións "apuntamentos raros no móbil" e "isto escoiteino", porque cando lle oín isto a John Cobra nun stream ao que convidaron durante a pandemia (unha época na que calquera accedía a falar con calquera), pareceume imbatible. Tiven que apuntalo.
Cuestionar a esencia. Beleza estraña.
|
| |
|