O 100% unha nada enorme.
18/9/2024 Ver en liña
Formiga sobre margarida berrando

Logo da miña desconexión agostiña, retomo o setembrino deber de todas as bestas de acometer o que lles é debido. É dicir, volve o tedio.

Se che gustan os boletíns, recoméndalles a outras criaturas que se subscriban. Para dicirme algo con certa agresividade, tes como contactarme.

Contacta
dead pionners

MÚSICA MUSICAL · Descubrín a Dead Pionners a través do seu tema "Bad Indian" e flipoume a ironía, a narración e o estilo. Tras iso descubrín unha banda de punk liderada por Gregg Deal, un artista e activista indíxena da tribo Pyramid Lake Pauite. Ao parecer a banda naceu no desenvolvemento a propósito da súa colección de obras "The Punk Pan-Indian Romantic Comedy", pero pronto pasou a ser un proxecto completo.

O seu primeiro disco, que combina punk bastante cru con spoken word, ten un comezo brutal co tema "Tired" do que non son quen de quitarme o primeiro verso da cabeza: "America is a pyramid scheme and you ain't at the top"

Recoméndoche que lle deas unha escoita a este discazo.

NEGREIRA

O CULTO · O domingo 6 de outubro visito a A.C. Gazafellos do Val de Negreira para presentar O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo

Misa de doce. Hostias como rodas de muíño.

LER LECTURAS · Xamais rexeites o oco que che ofrece calquera recuncho para escribir e xogar co formato. Oco como o que ofrecen as bios de artistas en Spotify.

Creo que a mellor que encontrei ata agora é a de Bloodhound Gang, pero igual coñeces outra máis destacable...

Prepárate un café cargadiño e a gozalo.

Festival Saumede

RECITA RECITANDO · Trinta e pico persoas metidas nun antigo forno de pan recuperado e activo nunha aldea hippie en Ourense escoitando un recital de poesía mentres fóra se precipitan 35 graos de temperatura?

Iso pasou en agosto, no Festival Ao Compaz Saumede, onde me trataron mellor do que merezo. A proba é o vídeo.

ISTO VINO · Durante un dos concertos na praia de Riazor do Festival Noroeste da Coruña, estivemos detrás dun grupiño dunhas seis persoas da nosa quinta, nos que só había un varón que, a dicir verdade, estaba contento.

O tipo era máis alto que todas as súas amigas, levaba unha camisa eivisenca (que se notaba que era a primeira vez que se atrevía a vestir) e o entusiasmo grampado na cara. Como toda a xente que vai a concertos hoxe en día, el estaba máis pendente do móbil que doutra cousa. Nada estraño, pero nun momento, mentres todo o grupo permanecía en pé, o nachiño sentouse na area. Aí pensei que a ecuación "concerto + praia + camisa eivisenca + sentar buscando tranquilidade" tería como resultado "rapaz liando tremendo porro". Pero, ai, a vida transcorre por sendas confusas. A miña sorpresa foi que sentou na area para mirar algo o móbil. Pero o que?

A miña sorpresa foi descubrir na súa pantalla a interfaz de Linkedin! O notas entrou en Linkedin no medio dun concerto de verán na praia! Buscou a intimidade no medio da festividade para conectarse a unha rede social interprofesional. A súa cara non estaba alumeada pola chama do chisqueiro quecendo costo, senón polo brillo da dixitalizada praza do tecnofeudalismo.

Merecemos todo o que nos pase. 

ESTHER

A CATAPULTA · Esther F. Carrodeguas é dramaturga, escritora, actriz, directora teatral e poeta. Esther F. Carrodeguas mola millón. Esther F. Carrodeguas estará o luns 30 de novembro ás 19.30h visitando A Catapulta. Poderás seguilo en directo a través de Youtube e Twitch de El Salto.

Tamén podes ver os programas emitidos anteriormente aquí.

ANTIFÍLMICO · Non vexas a última adaptación ao cine de El Conde de Monte Cristo.

Le o libro. É unha xoia.

APUNTAMENTOS RAROS NO MÓBIL · A proposta de ter descendencia cun innecesario engadido de que sexa "a pachas".

É que hai outra posibilidade? Se cho presentan así, é para sospeitar...

dead kennedys

O MOVEMENTO · Cando a unha banda lle solicitan que actúe en playback nun programa da tele, é habitual que opte por algún tipo de performance, ben sexa intercambiando instrumentos entre músicos, ben renunciando a tocalos, etc. Todo o mundo coñece algún exemplo disto.

Desta actuación dos Dead Kennedys en televisión en 1982 quero determe nos movementos do baixista Klaus Flouride, especialmente a partir do segundo 49. Só iso. 

Mellor que vexas o vídeo completo porque, ademais, a canción é unha marabilla tanto pola música como pola letraza.

ISTO ESCOITEINO · Ao rematar a miña intervención no roteiro poético do Festival Saumede Ao Compaz, achegaronse varias persoas para mercarme o libro. Unha era unha señora hippie que quedara encantada co recital:

—¿Me puedes poner en la dedicatoria que estamos en Saumede? Para acordarme.

E como lle debeu parecer pouca información para situar máis adiante o libro na súa vida e sabedora de que a sinatura precisaría dun input informativo máis, virouse cara a unha amiga e, solemne, preguntoulle:

—¿En qué año estamos?

Si, isto escoiteino en agosto de 2024. 

Samuel L. París

Visita a web | Contacto | Privacidade