UNIVERSO UNIVERSAL · Das 13 seccións do meu último poemario, só hai tres que manteñen unha conexión evidente: as agrupadas ao redor do concepto do "universo" e das tres partes que o compoñen.
—Que tres partes dis, Samuel?
Se partimos de ti mais eu, podemos entender que o universo se divide exactamente no universo de alí fóra, o que nin ti nin eu percibimos; o universo de aí diante, o que ti mais eu percibimos e compartimos; e o universo de aquí dentro, que é o fragmentiño de universo que eu conteño no meu interior e que eu vexo e que ti, para a túa sorte, non.
Esta observación, rotunda e incuestionable, desenvolvina cando Estíbaliz Espinosa me convidou a participar nun evento poético no Centro Astronómico de Pena Trevinca e me propuxo que fixese algo que tivese relación co cosmos (ou todo isto, como se observe). Esta división axudoume a estruturar o recital e, máis adiante, foi o punto de partida para avanzar no novo libro; sendo o universo de alí fóra o poema que abre o libro e dous poemas do universo de aquí dentro os que o pechan. |