|
ISTO ESCOITEINO · Hai uns días rexistrei este fragmento conversacional que penso que ten chicha:
—Amazon borrou 1984.
—O ano?
A primeira persoa referíase, como ben intúes, á obra de Orwell; mais a segunda, quizais por unha preguiza involuntaria do intelecto, pregunta se está a falar do ano. Pero, que proposta é esa? Insinúa que Amazon colleu e borrou todo o que ten de 1984: obras, filmes, discos...? Que, por unha estraña teima, Bezos retirou de almacéns e servidores todo o etiquetado co ano 1984?
Ou peor: o magnate dono da megacorporación decidiu eliminar o ano 1984? Suprimiu o espazo de tempo pretérito delimitado entre os cuartos soando no carillón a finais de 1983 e o segundo cava máis barato do supermercado explotando en xúbilo no abrir de 1985? En que incomprensible limbo diacrónico nos deixa á xente nada nese ano? Vaia delirio de multimillonario eliminar determinados períodos... Amancio Ortega borrou a semana santa do 93, Bill Gates fixo desaparecer o entroido de 2005... O pesadelo orwelliano levado ao límite.
No fondo, é entendible a procura do deserto, non cres? |