O TENRO É O SALVAXE · Se a pregunta é "Samuel, acabas de publicar un novo poemario?", a resposta ten que ser afirmativa.
En cambio, se a pregunta é "Samuel, o teu novo poemario titúlase O tenro é o salvaxe e escribíchelo na súa maior parte durante a túa estadía na Residencia de creación literaria Illa de San Simón e foi duro e fermoso a partes iguais e no posterior proceso de edición contaches coa experta man de Tamara Andrés e estás moi orgulloso da forma final que adquiriu o texto mesmo na súa maquetación e tes moitas ganas de comezar coas presentacións o 10 de abril na Coruña?", pois a resposta tamén é afirmativa.
Agora ben, no suposto de que a pregunta fose "Samuel, se un tren sae de Moscova en dirección á Coruña cargado ata os topes de exemplares do teu novo poemario a unha velocidade de cen quilómetros por hora e outro tren sae da Coruña a unha velocidade constante de oitenta quilómetros por hora en dirección a Moscova cheo ata arriba da falta de empatía que caracteriza o teu paso polo mundo, que pasará cando os sistemas automatizados de freo non respondan en condicións ante a chegada do estrondo?", a resposta ten que ser dubitativa, cando menos. |