ISTO VINO · Unha das rutas que me leva ao traballo ten a parte de boa de ver o mar da Praia do Orzán e de Riazor (distintas praias, mesmo mar). Iso si: ten o hándicap de ter que paparme un sopapo luminoso dunha pantalla publicitaria nun paso de peóns da Praza de Pontevedra no que hai que agardar uns minutos. Si ou si.
Hai uns días o cartel tivo un problema e amosoume as entrañas da besta: o escritorio dalgún coitadiño en lugar do carrusel de vídeos corporativos agardados. Unhas iconas e o fondo de pantalla da nada. A agradable inactividade. O fracaso do impacto axuda a aturar o camiño ao traballo no que botaremos máis leña na cheminea do Capital.
Vitorias tan pequenas que nin vitorias son. |