A extensa realidade do mosquito

Científico: Unha web, sendo estritos, é unha arañeira.

Levaba anos que si, que non, que unha cousa, que outra, coa idea de armar unha web e non armaba unha web; e ao final armei unha web, que é esta web na que estás e, por iso, crear un post na nova web para anunciar a nova web é un camiño sen saída. O espírito do mosquito.

Científico: Unha web que é máis web que unha web.

A web, como web que é, ten diferentes contidos e unha forma practicamente rectangular. Oh, u-la web ovalada?

Por agora podes ver que hai diferentes seccións (obra, contacto, o blog que é este blog que é este blog, bio…), pero a idea é que haxa algunha cousiña máis. O mosquito viaxa do centro á superficie.

Esta web despide o meu anterior blog. De feito, trasladei todos os posts do anterior blog a esta web metendo todo na mesma caixa e envorcando o contido perdendo todo coidado, por iso cando visites posts de anos anteriores verás que está todo do revés, con formatos que non encaixan, ligazóns que te levan a un descampado, etc. O ancestro do mosquito.

Científico: Unha arañeira tamén permite a comunicación entre arañas, xa que mediante vibracións poden transmitir as súas movidas de arañas.

A web está feita a man polo poeta? Si, obvio.

A web irá mudando co paso do tempo? Por suposto, e espero que a mellor.

Por que non podo deixar comentarios? Porque non imos xogar a iso. Se queres falar, contáctame e falamos de boa gana.

Isto pode considerarse Internet? Si, non só os monopolios son Internet.

Científico: Un paquidermo abaneando sobre unha arañeira non é relevante para o caso.

Tamén darei inicio ao envío de boletíns (newsletters).

A idea é informar de novidades, recitais, podcasts e demais; pero tamén desenvolver algunhas cuestións sobre lecturas, recomendacións, reflexións ou (ollo a isto) explicacións e contexto sobre as miñas obras, como a do novo poemario que sairá á luz neste 2024. Si, este ano, novo artefacto.

Todo de balde mediante subscrición deixando o correo e ningún dato máis.

Subscríbete ao boletín

Científico: A seda dalgunhas arañas é máis forte que o aceiro do mesmo grosor, pero máis feble que a felicidade que pasou.

Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies