Categoría: Extraordinario

  • Para que servem essas casas?

    Para que servem essas casas?

    O pasado 14 de decembro de 2024 intervín na V Marcha Cívica pola Devolución da Casa Cornide, na Coruña.

    Lin un texto preparado para a ocasión.

    Texto completo:

    Que ben ten que sentar que che regalen unha casa. Que che regalen unha casa. Un agasallo do tamaño dunha casa, dun pazo, dun piso, dun apartamentiño, dunha cabana. Que ben se ten que dar. Que ben ten que sentar! E non porque alugar ou acceder unha vivenda sexa imposible! Xa só polo detalle! Iso si, se, por exemplo, estás na casa sabendo que esa casa é dunha persoa… Pois pode darse mal, pode darche un aquel… Peor se soubeses que esa casa é de dúas persoas, dunha parella, vaia! E se é dunha familia? Uf… Aí o corpo comeza a revirarse… Pero imaxina que a casa é de todas! Que a casa, que esa casa, é de todos! Ai, non! Tenche que dar un aquel de vergonza estar na casa e que sexa de todos. Non o entendedes? Non o entendedes, quietude maldita, que é de todas. E como volo explicamos? Como podemos facer para explicárvolo. Teremos que usar as técnicas capitalistas máis básicas como a música promocional? Pode, pero teremos que usar as músicas que a vós vos resoan. E teremos que dicir que…


    Era ben que como a casa é do pobo é bo que o pobo poida as portas abrir as fiestras abrir a contras e aireala ou poñer dentro un deshumidificador zum zum zum bando a todo cando lle dea ata que as pantasmas da longa noite de pedra vaian para o tanque do aparato como a destilación pestilente última…


    Aaaaabur


    Que non queremos o que vos queredes e nós non queremos o que vos queres que somos doutra condición e não queremos cá opressores, se estivermos bem juntinhos, vai-se embora o mandador vai-se embora o mandador…


    Aaaaabur


    Levantemos o corazón. Témolo levantado cara ao usurpador.
    Celebramos a túa a morte. Reclamamos a devolución. Ídevos de aquí.


    Abramos as portas e que non volvan máis

  • De velhas casas vazias, palácios abandonados, os pobres fizeram lares

    De velhas casas vazias, palácios abandonados, os pobres fizeram lares

    O sábado 14 de decembro participarei cun breve recitado no remate da V Marcha Cívica Pola devolución da Casa Cornide.

    No cartel está toda a info necesaria e, a continuación, o manifesto.

    MANIFESTO

    O Pleno municipal da Coruña de 12 de setembro de 2019 aprobaba unha moción por unanimidade para a devolución da Casa Cornide ao patrimonio municipal e que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade. Por outra parte, a Xunta de Galicia iniciaba o 14 de maio de 2021 o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide, que era aprobado o 27 de abril de 2023 e publicado no DOG en maio.

    Dezanove meses despois a Casa Cornide segue pechada a visitas públicas, infrinxindo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que obriga aos propietarios a apertura de catro días ao mes e un mínimo de catro horas cada día cando hai unha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

    Isto é posíbel pola permisividade da Xunta coa familia Franco, que alega agora que é unha vivenda particular e que alí vive xente, cousa totalmente falsa e posíbel de comprobar cunha inspección da Xunta. Por outra parte, a Xunta considera que esta continuada infracción da lei é leve e anuncia unha proposta de sanción ridícula de 3.000 euros.

    Como dicía a moción aprobada o 1 de outubro de 2020.: “Significados franquistas que promoveron e participaron activamente nos espolios do pazo de Meirás e Casa Cornide –Alfonso Molina Brandao, Pedro Barrié de la Maza e Sergio Peñamaría de Llano– aínda conservan na Coruña rúas, retratos en edificios públicos, placas, monólitos e todo tipo de distincións, que non pode admitir unha sociedade democrática”.

    Non queremos a Pedro Barrié, nin a Alfonso Molina como fillos predilectos porque foron persoas ao servizo da ditadura, que participaron na represión, como recolle o informe elaborado polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses por encargo do propio concello da Coruña.

    A Lei de Memoria Democrática xa retirou a Pedro Barrié o título de Conde de Fenosa. para cumprir co obxecto desa lei: “Defensa dos valores democráticos e os dereitos e liberdades fundamentais” (artigo 1.3). O Pleno da Coruña de 11 de setembro de 2017 declaraban aos Franco como persoas non gratas. Por outra parte, Barrié xa perdeu distincións en moitos concellos: Corcubión retiráballe o título de Fillo Adoptivo e Sada unha avenida e a distinción de Fillo Adoptivo.

    O Pleno da corporación municipal de O Barco de Valdeorras, alcaldía socialista, acordaba por unanimidade, a iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), solicitar ao concello da Coruña que, sendo coñecedores dos crimes cometidos en Valdeorras por Sergio Peñamaría como tenente dunha Bandeira da Lexión, cambie a actual rúa Alcalde Peñamaría por Mártires de Valdeorras.

    Manuel Rivas dicía na lectura do manifesto da II Marcha pola devolución da Casa Cornide: “Estamos decididos a convocar a III, IV Marcha Cívica e as que sexa necesarias até poñer fin a este espolio”. Pois aquí estamos na V Marcha porque se conseguimos a recuperación do pazo de Meirás para o patrimonio público e a titularidade de 691 bens do pazo que a familia Franco se negaba a entregar; se conseguimos a declaración da Casa Cornide como BIC, continuando coa mobilización cívica conseguiremos que se abra ao público e tamén a súa recuperación para o patrimonio municipal.

    Esiximos á Xunta de Galicia:

    Que acabe coa política de permisividade coa familia Franco, que asuma as súas responsabilidades para facer cumprir a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e que aplique a máxima sanción pola súa negativa a abrir ao público a Casa Cornide

    Que presente ante o Parlamento de Galiza a iniciativa lexislativa conducente a tipificar como falta grave ou moi grave na Lei de Patrimonio Cultural o incumprimento de réxime de visitas do público aos BIC

    Que realice unha inspección en cumprimento do artigo 36 da Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia –“As propietarias están obrigadas a permitirlle o acceso aos devanditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora”– para corroborar que a Casa Cornide non é un domicilio particular e que alí non vive ninguén.

    Que se por parte da familia Franco hai unha “continuidade ou persistencia na conduta infractora” (artigo 134.3.a da citada lei), estude se “puidera ser constitutiva de infracción penal e proceda a tomar as medidas en defensa da legalidade e do interese público”, como xa denunciou a CRMH da Coruña. Sinala o artigo 289 do Código Penal: “O que por calquera medio destruíse, inutilizara ou danase unha cousa propia de utilidade social ou cultural, ou de calquera modo subtraésea ao cumprimento dos deberes legais impostos en interese da comunidade, será castigado coa pena de prisión de tres a cinco meses ou multa de seis a 10 meses”.

    Reiteramos o noso apoio ao Concello da Coruña para que presente demanda xudicial civil para recuperar a Casa Cornide para o patrimonio do concello e esiximos ao o Goberno Municipal:

    Que traslade a Comisión de Honras e Distincións e ao Consello Municipal de Memoria Histórica, sen máis dilación, a proposta de retirada de rúas e distincións a Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano.

    Que se execute xa a proposta do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses para a retirada de rúas e distincións, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, independentemente das futuras ampliacións do informe dese Instituto.

    FÓRA OS OKUPAS DA CASA CORNIDE! RECUPERACIÓN PARA O POBO DA CASA CORNIDE. FÓRA FRANQUISMO DA CORUÑA!

  • Chega o “Poemarionova”

    Chega o “Poemarionova”

    Sempre quixeches probar a enredar coa poesía? Mesturar distintos materiais textuais e crear nova vida? Escribir unha cantiga medieval a alguén que detestas? Simplemente queres pasar un bo momento ríndote de todo?

    Xa está dispoñible o Poemarionova, un caderno de actividades poéticas co que poderás elaborar os teus propios textos, con instrucións lúdicas e irreverentes.

    Xogos de formato, intertextualidades, diferentes tons… Puntos de partida para iniciar a procura que é a poesía.

    Ademais, tal e como se indica na obra, podes compartir as túas creacións no formato que desexes a través do correo poemarionova@paris.gal.

    As obras recibidas, iranse publicando na web dedicada a tal fin, porque a lóxica é a lóxica, poñas como te poñas.

    Se aínda non o fixeches, subscríbete á miña newsletter na que vou informando de lanzamentos de artefactos coma este e moitas outras historias.

  • Tem um satélite a cair mesmo em cima da tua cabeça

    Tem um satélite a cair mesmo em cima da tua cabeça

    Un fragmento dun poema do libro O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo forma parte do almanaque para o 2025 do proxecto de divulgación científica e cultural Ceos Galegos: CeosGalegos25.

    Trátase dun almanaque con formato mural con 14 imaxes realizadas por algúns dos mellores especialistas en fotografía nocturna e astronómica. As imaxes van acompañadas de pequenos textos de autoras como Estíbaliz Espinosa, Luna Miguel, Berta Dávila ou Carmen Conde.

    Todo o recadado axuda a manter a inicativa en funcionamento. Pódese mercar a través da súa web e tamén nos puntos de venda que indican nela.

    O meu texto, por certo, pecha o ano.

  • Convencín a dúas garzas para tirarche laranxas cando saías da misa

    Convencín a dúas garzas para tirarche laranxas cando saías da misa

    O sábado 30 de novembro estarei canda Tamara Andrés presentando [ELIMINADO]

    No Culturgal presentaremos os poemarios que [ELIMINADO]

    Ás 18.00 estades todas e todos convidadísimos a[ELIMINADO]

    No posto 42 da feira que se celebrará en Pontevedra [ELIMINADO]

    Para non concretarme e O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo convivirán o vindeiro [ELIMINADO]

    O stand 42 alí será o de Edicións Positivas e escoitei a Chenoa porque [ELIMINADO]

    Convencín a dúas garzas para tirarche laranxas cando saías da misa e despois volvín á rutina porque [ELIMINADO]

  • O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo

    O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo

    Poesía, ten misericordia de nós!

    O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, o meu novo poemario, está contigo; nada che falta.

    A Santísima Trindade formada polo Poema, o Poeta e Ti xa está dispoñible na web de Edicións Positivas e tamén na túa libraría de sempre. Que non está na túa libraría? Pídello e listo!

    A poesía acaba de resucitar! Gloria a ti, oh, Poesía!

    Como unha das posibles voces deste Deus, recitarei os seus poemas nas presentacións que estamos pechando. A súa graza estará contigo, mal que che pese.

    Toma nota no antebrazo cun rotulador permanente:

    • 24 de abril / 20.30h / Sede de Edicións Positivas / Compostela
    • 3 de maio / 20.00h / A Revolteira / A Coruña
    • 4 de maio / 12.00h / Libraría Cartabón / Vigo

    Proximamente haberá máis datas das que irei informando, porque é o que toca. Ora para que Deus chegue á túa vila en prazo e forma. O seu amor é inesgotable, pero, ollo, que polas malas…

    Lembra que no meu boletín, ao que te convido a subscribirte para acadar a paz no medio da tormenta, informarei sobre presentacións e comentando algúns detalles da palabra de Deus e da súa vontade.

  • Fazendo bobagem desde que chegou

    Fazendo bobagem desde que chegou

    O vindeiro sábado día 9 de marzo ás 16.00h estarei canda Marga Tojo na Livraria Porta XIII de Vila Nova de Cerveira recitando poesía poética en verso e viceversa.

    Este é o cartel que preparou Paco de Positivas, persoa detrás do evento e sobre a que, de ser o caso, deberían recaer todas as responsabilidades penais do acto.

  • A extensa realidade do mosquito

    A extensa realidade do mosquito

    Científico: Unha web, sendo estritos, é unha arañeira.

    Levaba anos que si, que non, que unha cousa, que outra, coa idea de armar unha web e non armaba unha web; e ao final armei unha web, que é esta web na que estás e, por iso, crear un post na nova web para anunciar a nova web é un camiño sen saída. O espírito do mosquito.

    Científico: Unha web que é máis web que unha web.

    A web, como web que é, ten diferentes contidos e unha forma practicamente rectangular. Oh, u-la web ovalada?

    Por agora podes ver que hai diferentes seccións (obra, contacto, o blog que é este blog que é este blog, bio…), pero a idea é que haxa algunha cousiña máis. O mosquito viaxa do centro á superficie.

    Esta web despide o meu anterior blog. De feito, trasladei todos os posts do anterior blog a esta web metendo todo na mesma caixa e envorcando o contido perdendo todo coidado, por iso cando visites posts de anos anteriores verás que está todo do revés, con formatos que non encaixan, ligazóns que te levan a un descampado, etc. O ancestro do mosquito.

    Científico: Unha arañeira tamén permite a comunicación entre arañas, xa que mediante vibracións poden transmitir as súas movidas de arañas.

    A web está feita a man polo poeta? Si, obvio.

    A web irá mudando co paso do tempo? Por suposto, e espero que a mellor.

    Por que non podo deixar comentarios? Porque non imos xogar a iso. Se queres falar, contáctame e falamos de boa gana.

    Isto pode considerarse Internet? Si, non só os monopolios son Internet.

    Científico: Un paquidermo abaneando sobre unha arañeira non é relevante para o caso.

    Tamén darei inicio ao envío de boletíns (newsletters).

    A idea é informar de novidades, recitais, podcasts e demais; pero tamén desenvolver algunhas cuestións sobre lecturas, recomendacións, reflexións ou (ollo a isto) explicacións e contexto sobre as miñas obras, como a do novo poemario que sairá á luz neste 2024. Si, este ano, novo artefacto.

    Todo de balde mediante subscrición deixando o correo e ningún dato máis.

    Subscríbete ao boletín

    Científico: A seda dalgunhas arañas é máis forte que o aceiro do mesmo grosor, pero máis feble que a felicidade que pasou.

  • Modelo de aviación manteigueira: todo se enriquece cando ascende

    Modelo de aviación manteigueira: todo se enriquece cando ascende

    O vindeiro xoves 23 de novembro estarei no Ateneu Roig de Barcelona (Carrer Torrent d’en Vidalet, 34), na Biblioteca Sabela Labraña, ás 20.00h exercendo a poesía indoor. Haberá un pouco dunha cousa e un pouco (xa o ves vir) da outra.

    Levarei todos os exemplares de Inflamable e da IPA que a aeroliña coa que voo me permita para distribuílos no que será unha especie de Dijous Negre que ninguén solicitou.

    Gustaríame dicirche que foi sinxelo?

    Foi sinxelo.

  • Love means never having to say you’re an anaconda

    Love means never having to say you’re an anaconda

    O Luz Poética volve a Compostela. Non é que marchara, pero. O Luz Poética segunda edición, previa á terceira, é de. O Luz 23 ao 29 de outubro Poética.

    O festival poético inspirado na figura da grandísima Luz Fandiño chega un ano máis cun cartel inmenso e fermoso. Programación? Toda a que queiras.

    O Manteigas estará presente o luns 23 de outubro no roteiro poético canda Noelia Gómez, Debajo de la Palmera e Pablo Rodríguez. Demostraremos por que o luns é o mellor día da semana para a práctica poética e por que aguambambuluba.

    O roteiro poético ten entrada de balde, pero (ollo!) só ata completar aforo. Serán intervencións breves, porque é luns (días axeitados para o lírico, pero tampouco é cuestión de pasarse) e variadas (porque son varias, claro).

    O resto do programa está repleto de calidade, talento e palabras que o describen.

Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies