Categoría: Extraordinario

  • Todo o que arde convén (ou como o corazón tamén se acostuma a ir amodo)

    Todo o que arde convén (ou como o corazón tamén se acostuma a ir amodo)

    Uns dez anos despois de que vise a luz, como un funcionario de prisións ve a luz ao saír do seu zulo1 (chiscar os ollos), o Inflamable renace das súas cinzas mediante unha reedición.

    Remata así a ladaíña de moitas persoas que non o daban encontrado nas súas librarías logo do esgotamento da primeira tirada (chiscar as escápulas). Xa se pode encontrar nos puntos de venda habituais de Edicións Positivas e tamén na súa web.

    Hai papahostias que din que os humanos só empregamos unha pequena porcentaxe do cerebro, pasando por alto órganos quizais máis importantes para a creación poética (chiscar os riles). O Inflamable é unha fotografía movida, unha urxencia que ao longo dos anos me trouxo moitas alegrías (chiscar o fígado). E, non temas, porque non vou dirixirche a lectura ou a relectura, porque non quero ser o cociñeiro cos brazos tatuados que se achega a ti antes de que lle metas o dente ao lombo da sardiña ao que lle acaba de pasar o soprete para dicirche:

    —¿Es la primera vez que vienes aquí? ¿Te explico un poco nuestro concepto?

    Confío en que saibas comer e que saibas devorar este poemario de 2012 como merece: con total irresponsabilidade.

    Inflamable vive. O lume segue.


    1Sempre pensamos que na metáfora do incendio o lume son os outros.

  • Se ti non vas á poesía, a poesía podería (inaudible)

    Se ti non vas á poesía, a poesía podería (inaudible)

    Uns poemas pequenos a través dun obxecto poético pequeno cunha tirada pequena para unha idea pequena poderían ser algo que quixesemos probar hoxe.

    —Que dis, Samu? Quen é ese “nós”?

    Lanzo1 un artefacto poético que consiste nunha edición limitada de postais que no reverso levan un deseño cun texto meu e, no anverso, poemas inéditos escritos a man.

    Así de sinxelo! Poesía analóxica directamente á túa casa!

    —Todas as postais levarán escrito o mesmo poema?

    Non, non. Nada diso.

    —Entón cada postal vai levar un poema diferente?

    Tampouco nos pasemos.

    Están xa á venda en Bandcamp. Comezarán a enviarse a partir do 24 deste mes e cada postal irá en tremendo envelope para que non se escape unha metáfora de camiño ao teu fogar ou residencia habitual. Iso si, insisto en que é unha edición limitada, así que cando se acaben, acabáronse. Mundo finito.

    O futuro era o de antes!

    *ACTUALIZACIÓN

    Pois nunhas horiñas esgotáronse todas as postais e non podo estar máis que agradecido a todo o mundo que se apunto a este asunto. Support your local poetraca!


    1Lanzar poesía como quen, desde unha ponte peonil que permite atravesar unha autovía, lanza un pedrolo a un BMW. É dicir, lanzar cun certo sentido de xustiza, pero con escasa posibilidade de satisfacción a medio-longo prazo.

  • O oso pensa que pola mañá todo estará mellor

    O oso pensa que pola mañá todo estará mellor

    A Internacional de Poesía Anarquista (Edicións Positivas, 2020) continúa mutando, espallándose (todo se espalla) e chegando a máis recunchos do planeta.

    O habitual misterio do pracer vén nesta ocasión desde a revista Txon, revista portuguesa transdisciplinar de carácter anual dedicada á poesía e á poética afro-luso-brasileira, que no seu número 002 inclúe o texto “o poema da boa pipa”, na súa versión orixinal en galego e tamén en tradución ao portugués e ao kriol caboverdiano.

    Un pracer (éche un misterio o do pracer, a verdade) que o equipo da revista, con José Pinto á fronte, me incluíse nun proxecto tan interesante, rodeado de grandes autoras e autores e cunha espléndida vontade transfronteiriza.

  • El poeta abandona el terreno de juego llorando como un niño de serpes

    El poeta abandona el terreno de juego llorando como un niño de serpes

    O próximo sábado 10 de decembro participarei (futuro) no VII Encontro Literario-Musical Entreverbas, en Salvaterra de Miño, onde terei (futuro) a sorte de compartir recital con Nieves Neira Roca, Noelia Gómez e Fernando Abreu.

    Este asunto será (futuro) ás 20.00 e de balde. De balde porque o decidiu (pasado) así a organización, pero eu, persoalmente, cobraríavos (futuro do pasado un paso para adiante un paso para atrás) un ollo da cara.

  • Todo o que quería saber sobre o universo e sobre a tristeza inherente a este

    Cal é a idade do universo?

    Depende un pouco do horario, porque non é o mesmo dicir “bo día” se xa xantaches ou se aínda estás coa sobremesa. Por exemplo, o 19 de novembro a partir das 17.30 xa sería o universo pola tarde e a iso das 20.00 sería o universo no que non caben dúbidas, practicamente.

    De que está feito o universo por dentro?

    De tipiñas e tipiños, a maioría poetas.

    E por fóra?

    Pan de molde.

    Cal é o destino do universo?

    O universo está destinado ao uso recreativo.

    Existen outros universos?

    Si, pero están sen recebar.

    Para que hai vida?

    Seguramente, para o do Xacobeo 21-22.

    O universo é aquí ou é alí?

    O universo só está no Centro Astronómico de Trevinca e o sábado 19 estará aínda máis. Máis universo, máis galaxia, máis troncho cósmico. Abrirlle a quente á cacharrada interplanetaria.

    Se o universo é infinito, cando deixaremos de estar tristes?

    A ver, o universo é infinito, pero tampouco unha cousa desorbitada, porque podes ser infinito, pero todo ten un límite.

    Como se estrutura o universo?

    Primeiro, cunha charla; despois cun recital; e finalmente, cunha autoobservación como se as galaxias tivesen embigo.

    Cal é o límite do universo?

    Principalmente, a paciencia.

  • A sofisticada máquina de chegar tarde a todos os sitios

    Dez putos anos despois de publicar o puto Inflamable (Edicións Positivas, 2012) e de telo en formato EL SONIDO con MUSIQUIÑAS e todo subido a LA INTERNETE, tiven a santa puta decencia de subilo a Youtube.

    Deste xeito e desde agora, poderás gozar da real galician poetry no teu dispositivo privado logo de paparte un anuncio dun curso de minar bitcoins cun aspirador.

    Outro día explicarei como se realizou a gravación destes poemas, que tamén ten o seu aquel, e o porqué do son tan puto random que teñen. Pero, como digo, iso será outro día; probablemente, dentro doutros dez putos anos, xa que é o período mínimo que necesitan para seren levadas a cabo as cousas que non importan unha puta merda.

  • Poesia para beber e brigar

    O 2 de abril estarei no Arrincandos Marcos na Livraria Traga-Mundos de Vila Real (Portugal) canda Helena Salgueiro, Eduardo Estévez, Marga Tojo e Sther F. Carrodeguas presentando os seguintes cachivaches:

    • Papelófono: trapallada que permite a interpretación de sons humanos a partir de escritos inhumanos mediante a percusión bucolaringótica dos versos ao chou.
    • Versificatore Plus: disto que un día pensas unha cousa que non lle ves xeito de llo dicir a un garda civil así de primeiras e pensas “isto mellor escríboo nun papel e dígolle a P. Macías de o publicar en Editriona Positiwälsh”.
    • Arrincando Marcos 2022: obra colectiva dos poetas antes mencionados que se espallará por Portugal coa finalidade de aplacar o ánimo dos veciños do sur e conseguir que perdan toda a esperanza de construción dun futuro en común cos trapalleiros do norte1.

    O evento celebrarase ás 21.00h (o que deixa claro o perfil de público ao que vai dirixido) e ten un horizontal cartélido elaborado por P. Macías2 nunha máquina de prensar talento.


    1 O norte regurxitará as súas cinzas.

    2 P. Macías é o arquiduque de Edicións Positivas e responsable máximo deste evento. Calquera eventualidade, sachada á altura do xeonllo e falta de respecto contra calquera persoa ou institución sucedida durante este anuncio e o momento no que nos volvamos cada poeta á súa casa, será unicamente responsabilidade de P. Macías.

  • Celebrities read texts from their personal anacondas

    Os que faciamos MBA MAL agora facemos MBA MAL e máis cousas e, para dar ese paso cara a ningún sitio, dicimos comezar a chamarnos Francamente Cariño.

    Y, mira, yo qué sé.

  • Publicó su primer libro de poesía, pero le sigue picando el pito

    O xoves 5 de agosto ás 21.00, para celebrar a Feira do Libro da Coruña, marcharei a Lugo para obrar a poesía dentro do ciclo Tarde e Tardiña, acompañando a Xurxo Chapela e Piti Sanz.

    Enténdase neste contexto o termo “acompañar” como unha concatenación lineal non mesturada de recitados, uso percutivo do plectro contra a forma guitarroidea e a materialización muradá de cagarse na collona.

    Todo isto terá lugar na Canella do Hospital. Se chove (que non vai chover), será na carpa da praza da Soidade, polo que, de ser ese o caso e para dotar o evento de certa coherencia, debería estar eu alí só.

    Ah! A entrada é gratuíta ata completar a cabida do recinto, aínda que, persoalmente, creo que vos habían cobrar un ollo da cara.

  • Recitalia generala

    Vídeo do recital poético (la poesía) ofrecido nun acto que formaba parte do XXIII Certame Internacional de Regueifas organizado pola boa xente do CVC Valladares de Vigo.

    Os poemas van un tras outro e tamén outras cousas, pero se ves xa o ves e xa está. O vídeo está extraído do vídeo completo que subiu a xente da organitatione.

    Recítanse algúns textos da Internacional de Poesía Anarquista, que podes mercar na web de Edicións Positivas. Tamén podes non mercar o libro, pero vaia…

Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies