Alégrame anunciar que nuns días activarei A Catapulta, a máquina para o asalto poético, en colaboración coa xente de O Salto Galiza.
—Máquinas bélicas e poesía? Xusto o que precisaba Internet! De que vai isto, Samuele?
A Catapulta é o programa que realizarei en directo nas canles de Twitch e Youtube de El Salto e no que conversarei con poetas e xente vinculada coa poesía sobre a súa labor creativa, como se organizan, o seu día a día, a súa relación co mundo editorial e co público, etc. Con tranquilidade (Samu, es consciente do que dis?), pero co desenvolvemento que cada punto precise. E, ollo, tamén falaremos un pouco do que nos pete, porque falar é así: pensas que vas ir por un lado e “PUM!” acabas noutro lado sen saber como chegaches aí, como se se activase unha catapulta (que ben traído!).
Será a miña estrea emitindo en streaming, así que espero que saibas (fáloche a ti) perdoar os gambazos e erros que poida cometer na primeira emisión (pedindo perdón e favores desde o minuto cero). Ao ser en directo en Twitch e Youtube, poderás comentar o que consideres a través do chat, pero, como na vida, non é obrigatorio dicir o que pensas en todo momento.
No programa tamén haberá oco para unha axenda de eventos poéticos (recitais, presentacións, micro abertos, etc.). Así que, se estás organizando algo ou sabes dalgún evento que debamos difundir, contacta comigo e coméntoo no programa.
Despois da emisión en directo, os programas poderán verse one more time again nas mesmas canles de El Salto e tamén en formato podcast.
Estreamos o programa o próximo luns 20 de marzo ás 19.30h e terei a inmensa sorte de que nesta primeira emisión me acompañe a resitadora Nuria Vil. Vannos pechar o chiringuito xa no primeiro día? Con toda probabilidade.
Vémonos? A Catapulta ten o mecanismo tenso e presto para o ataque. A ver onde nos manda!
Deixa unha resposta