No centro da Vía Láctea hai un país que produce un lote de leite.
Ese país levantou o Centro Astronómico de Trevinca para mirar de reollo o resto da Vía Láctea. O centro está tan alto que nin as vacas soben ata el.
En novembro de 2022, a poeta Estíbaliz Espinosa convocoume para ofrecer un recital poético no mencionado centro. O evento denominouse Novembro Estelar. O leite para quen o muxa.
Ademais dunha marabillosa xornada, na que se gozou coa conferencia de Elena Vázquez Cendón e dos recitais de Pilar García Rego e da propia Estíbaliz Espinosa; o menda recitou uns poucos poemas (a tona do leite). Nun deles, este “Montelouro” do poemario Inflamable, contei co acompañamento do violín de Fernando Docampo e do piano de Juanma Varela.
Dicir que esta gravación, realizada durante o meu recital, recolle a primeira vez que o interpretabamos á xunta. Non fixeramos proba nin ensaio. A estes dous monstros da música simplemente lles pasei uns días antes a versión con acompañamento de guitarra eléctrica e alá que fomos. Vacas á rúa, o leite continúa.
O son da gravación é un chisco complicado debido, en boa parte, á propia fisicidade do planetario do centro que, en termos arquitectónicos, conforma un “cupuloide-cupulote”. Na descrición do vídeo podes consultar os créditos e alérxenos lácticos da peza.
Desta cabra só podía saír este leite.