Poesia para beber e brigar

O 2 de abril estarei no Arrincandos Marcos na Livraria Traga-Mundos de Vila Real (Portugal) canda Helena Salgueiro, Eduardo Estévez, Marga Tojo e Sther F. Carrodeguas presentando os seguintes cachivaches:

  • Papelófono: trapallada que permite a interpretación de sons humanos a partir de escritos inhumanos mediante a percusión bucolaringótica dos versos ao chou.
  • Versificatore Plus: disto que un día pensas unha cousa que non lle ves xeito de llo dicir a un garda civil así de primeiras e pensas “isto mellor escríboo nun papel e dígolle a P. Macías de o publicar en Editriona Positiwälsh”.
  • Arrincando Marcos 2022: obra colectiva dos poetas antes mencionados que se espallará por Portugal coa finalidade de aplacar o ánimo dos veciños do sur e conseguir que perdan toda a esperanza de construción dun futuro en común cos trapalleiros do norte1.

O evento celebrarase ás 21.00h (o que deixa claro o perfil de público ao que vai dirixido) e ten un horizontal cartélido elaborado por P. Macías2 nunha máquina de prensar talento.


1 O norte regurxitará as súas cinzas.

2 P. Macías é o arquiduque de Edicións Positivas e responsable máximo deste evento. Calquera eventualidade, sachada á altura do xeonllo e falta de respecto contra calquera persoa ou institución sucedida durante este anuncio e o momento no que nos volvamos cada poeta á súa casa, será unicamente responsabilidade de P. Macías.


Busca na web



Categorías


Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies