A pasada semana chegaron os últimos poemarios escritos a pulso ás mans dos seus donos. Con isto finaliza unha aventura que durou uns cantos meses, pero que resultou ser máis intensa do que marcaba o meu radar.
Desde a sorprendente resposta inicial, pola que tiven que aumentar o número de poemarios a escribir (quedando tamén xente en reserva), ata as diferentes entregas; este experimento superoume por todos os lados. Por un lado, superoume a nivel físico, porque había moitos anos que non escribía a man dúas follas seguidas; e, por outro lado, superoume a nivel mental, por moitos e diferentes motivos.
O certo é que a sensación de baleiro coa que rematei é realmente confusa. Se ben estou orgulloso de ter sacado adiante este asunto, noto que deixei ir algo que non volverá. E, o certo, é que resulta agradable e tamén triste, polo que está ben así.
Despois de todo só son quen de agradecervos a todas as persoas que vos embarcastes nesta historia coas que puiden compartir unha tolería máis (e cafés, cervexas e conversas) e a todas as que mostrastes interese no proxecto.
—Vale, Samuel. Despois deste bocadillo de pasteles, que? Que é o próximo?
Hai varias ideas que teño en mente e que me gustaría sacar adiante, todas na mesma liña argumental de todo o que fago (le mongolisma). Agardo non tardar en armar outra insensatez destas.
—E de verdade cres que é necesario que fagas estas cousas?
Non. Por iso as fago.
Deixa unha resposta