Todo o que arde convén (ou como o corazón tamén se acostuma a ir amodo)

Uns dez anos despois de que vise a luz, como un funcionario de prisións ve a luz ao saír do seu zulo1 (chiscar os ollos), o Inflamable renace das súas cinzas mediante unha reedición.

Remata así a ladaíña de moitas persoas que non o daban encontrado nas súas librarías logo do esgotamento da primeira tirada (chiscar as escápulas). Xa se pode encontrar nos puntos de venda habituais de Edicións Positivas e tamén na súa web.

Hai papahostias que din que os humanos só empregamos unha pequena porcentaxe do cerebro, pasando por alto órganos quizais máis importantes para a creación poética (chiscar os riles). O Inflamable é unha fotografía movida, unha urxencia que ao longo dos anos me trouxo moitas alegrías (chiscar o fígado). E, non temas, porque non vou dirixirche a lectura ou a relectura, porque non quero ser o cociñeiro cos brazos tatuados que se achega a ti antes de que lle metas o dente ao lombo da sardiña ao que lle acaba de pasar o soprete para dicirche:

—¿Es la primera vez que vienes aquí? ¿Te explico un poco nuestro concepto?

Confío en que saibas comer e que saibas devorar este poemario de 2012 como merece: con total irresponsabilidade.

Inflamable vive. O lume segue.


1Sempre pensamos que na metáfora do incendio o lume son os outros.


Busca na web



Categorías


Esta web usa cookies para que poidas ter a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando, estás dando o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies